Thursday 16 de May de 2024

Brión incorpórase á Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación


 

Valentín González Formoso e José Luís García inauguraron o centro de traballo colaborativo “Transformando en Brión”, o único en Galicia que permitirá aos pequenos produtores locais do sector agrícola transformar os seus produtos frescos en elaborados

A terceira planta da área comercial de Monte Balado, en Brión, acolle dende hoxe o segundo centro en funcionamento da Rede de Espazos de Coworking que impulsa a Deputación na provincia da Coruña e que xa conta cun centro funcionando a pleno rendemento no Pazo de Arenaza (Oleiros).

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Emprego e Desenvolvemento Sostible, José Ramón Riobóo, e o alcalde de Brión, José Luís García, inauguraron hoxe o espazo de traballo colaborativo “Transformando en Brión”. Unha iniciativa innovadora, pioneira en Galicia, xa que é o único espazo que ofrece servizos de transformación de produtos do sector primario aos pequenos produtores locais das comarcas de Santiago, Barbanza, Barcala, Sar e Ulla.

González Formoso afirmou que o centro “é unha mostra clara de que, con votande política, traballo e un pouco de imaxinación é posible aproveitar o enorme potencial que aínda temos por explotar no agro galego” e así “favorecer que as familias opten por quedarse a vivir e poducir no rural”.

“O plantexamento colectivo é un dos aspectos máis importantes do poxecto”, afirmou o presidente, que explicou xa que a actual normativa fai practicamente imposible que estes pequenos produtores poidan asumir individualmente o investimento das instalacións e equipamentos necesarios para transformar e comercializar determinados produtos de produción artesanal coma carnes, hortalizas, mel, ovos, froitas e hortalizas, setas ou lácteos.

Para o presidente da Deputación, o centro abre “novas oportunidades” de transformar e dar saída comercial a moitos excedentes que antes se perdían, fabricando embutidos, queixos, marmeladas, pan, conservas ou zumes coas correspondentes autorizacións e rexistros sanitarios, de forma que os produtos elaborados que aquí se preparen poidan ser comercializados en restaurantes, supermercados ou tendas, afirmou.

Valentín González agradeceu tamén o “traballo e dedicación” que depositou o alcalde, Jose Luís García, para facer realidade este proxecto durante os catro anos nos que estivo á fronte da área de Emprego da Deputación no pasado mandato, cando se creou o PEL, que permitiu que 2.640 persoas se incorporaran ao mercado laboral e impulsar máis dun millar de iniciativas de emprendedores.

Pola súa banda, José Luis García puxo en valor o traballo conxunto do Concello de Brión coa Deputación e o grupo de desenvolvemento rural Terras de Compostela, “unha demostración de que se pode crear riqueza no rural”. Neste sentido, destacou que “a día de hoxe xa hai máis de medio cento de persoas formándose para poder utilizar estas instalacións. E compráceme dicir que máis do 80% son mulleres e preto do 20% son menores de 30 anos que están comezando unha nova actividade. E cando estas persoas rematen a súa formación, comezará outro grupo que xa se está apuntando”.

O alcalde brionés agarda que “Transformando en Brión” serva para promover a sustentabilidade das pequenas explotacións agrícolas das nosas comarcas, produtores de horta e froita que traballan de forma totalmente natural, sen comercialización asociativa de alimentos frescos e transformados, con certificación sanitaria”. Así mesmo, aproveitou para lembrar que “aínda nos falta a guinda do pastel: o matadoiro móbil de aves e coellos. Outra iniciativa pioneira que incluirá un vehículo perfectamente equipado que irá polas explotacións que o soliciten para que os produtores poidan usalo ben para autoconsumo, ben para vender esa carne no mercado”.

Transformando en Brión

A adaptación deste espazo para convertelo nun centro de traballo colaborativo para a transformación de produtos do sector primario supuxo un investimento de 213.266 euros, dos que o 75% foi achegado pola Deputación da Coruña mediante fondos da liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local (PEL). O Concello de Brión e o GDR Terras de Compostela achegaron o 25% restante.

O centro está situado nun enclave estratéxico da parroquia de Os Anxeles, na estrada que comunica Santiago con Noia e a 300 metros da autovía Santiago-Brión e do corredor Brión-Noia. “Transformando en Brión” emprázase na terceira planta do centro comercial Monte Balado, ocupando un espazo de 200 m2. Dispón dunha zona de obradoiro de 80 m2 para a transformación de produtos frescos en elaborados e que conta con dúas liñas de traballo, de xeito que se poden estar facendo dúas actividades ao mesmo tempo.

Esta zona obradoiro está equipada coa maquinaria propia dunha cociña industrial (lavalouzas de carga frontal, lavavasos bar, fregadoiro industrial, conxeladores, refrixerador, forno mixto eléctrico, forno convección vapor mixto, cociña a gas, freidora de inducción, robot de cociña, exprimidores, instrumentos de cociña…) pero tamén con outras máis específicas e que lle dan un valor engadido como: unha pasteurizadora eléctrica, dúas maceradoras, lavacentrífuga para verduras, unha envasadora ao baleiro profesional, un muiño con prensa e elevador inclinado para zumes, coador automático, marmita de gas de quencemento indireto… Un completo equipamento no que se investiron máis de 113.000 euros.

Nesa mesma planta hai unha zona de formación de 20 metros cadrados para o desenvolvemento de actividades e cursos e outra zona de exposición e venda de 71 metros cadrados. A maiores hai un pequeno almacén para produtos perecedoiros e envases, cunha superficie útil de 35 metros cadrados, así como unha oficina e baños. Finalmente, na planta soto disponse dun almacén de 30 metros cadrados emprazado na zona de aparcamento, dende onde os produtores poden subir os seus produtos á zona de transformación a través dun montacargas á súa disposición.

Actividades da fin de semana

Para celebrar a inauguración do espazo colaborativo, o Concello de Brión e a asociación Daquí Darredor celebrarán o sábado 14 de decembro a segunda Feira Labrega, que inclúe postos de produtos da horta, mostra de artesanía e venda de produtos de segunda man. A feira terá lugar no terceiro andar do centro comercial Monte Balado entre as 11:00 e as 19:00 horas.

Paralelamente á feira, terán lugar distintas actividades. Así, durante a mañá haberá catas de froita de tempada e de conservas, un obradoiro de elaboración de conservas e contacontos para a rapazada. Pola tarde terá lugar unha demostración en directo e degustación de cociña con hortalizas frescas e en conserva, así como un obradoiro de elaboración de trampas de velutina e un segundo taller de batucada para as crianzas. A música correrá a cargo do grupo de pandereteiras de Brión, do alumnado da Escola de Música Magariños e de Francisco do Romualdo, que interpretará Cantares de Cego.